Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Qadriños

Bitácora dedicada á banda deseñada, a historieta, os cómic, os tebeos... de Galicia e resto do mundo
Sobre o blog  

Indignádevos (ou non)

Seica o xurado designado polo Consell Nacional de la Cultura i de les Arts (CoNCA) catalán vén de meter a zoca. O “cómic” ao que acordaron conceder o Premi Nacional de Cómic de Catalunya resultou non ser tal senón un poemario de Bertolt Brecht, La croada dels nens, ilustrado por Carme Solé Vendrell. A resposta de FICOMIC, entidade organizadora do Salón do Manga de Barcelona e do Salón Internacional do Cómic de Barcelona, resulta clara: “este magnífico libro de Carme Solé Vendrell tendría que ser ganador de un Premio Nacional de Ilustración. Cómic e ilustración son dos medios diferentes, con personalidades, trayectorias, lenguajes y soportes propios y diferenciados (…).” A autora galardoada, por certo, está de acordo.

 

Ilustración de Carme Solé Vendrell para La croada dels nens

A nova chega unhas semanas despois de que as redes sociais, se me permiten o tópico, ferveran tras coñecerse a definición do termo “manga” que a RAE proxectaba incluír na nova edición do seu dicionario: “Género de cómic de origen japonés, de dibujos sencillos, en el que predominan los argumentos eróticos, violentos y fantásticos.” Como ben saben os afeccionados, o manga non é un xénero senón o termo xaponés para este medio que nós chamamos historieta, tebeo ou banda deseñada. Manga é simplemente “tebeo xaponés” (como a propia RAE recoñecería nunha corrección posterior) e nel caben todo tipo de argumentos e de estilos gráficos. FICOMIC emitiu outro comunicado.

 

Debuxo manga de Jiro Taniguchi, estilo sinxelo, argumento erótico, violento e fantástico

Os dous erros chaman a atención. O primeiro por elemental: poden darse exemplos nos que as fronteiras entre cómic e ilustración sexan confusas, pero na maioría dos casos si resulta doado diferenciar entre ambos medios, de xeito que un só pode preguntarse que organismo pode elaborar unhas bases tan equívocas ou como é posible que un xurado elixido ad hoc cometa un erro tan flagrante. Se alguén quere facer escarnio, aquí atopará os nomes. O erro da RAE, sendo máis frecuente (moita xente fala do manga como “xénero”) sorprende por ser reducionista e tendencioso, máis aínda vindo dunha institución que se supón ben asesorada. Entrementres, confírmase que un organismo como FICOMIC, consagrado teoricamente á organización de eventos relacionados coa BD, asume como unha das súas funcións a denuncia e corrección argumentada deste tipo de erros. E os afeccionados parecemos estar á espreita, agardando que apareza no ciberespacio o bat-sinal que nos avise dunha nova aldraxe contra este medio para termos a oportunidade de restaurar a orde e a xustiza cunha resposta case sempre indignada.

Isto último, o da indignación, habería que pensalo un pouco. Os dous exemplos citados revelan que existe aínda confusión e descoñecemento respecto a banda deseñada, pero en ambos casos o o erro xurde como consecuencia dun avance. O cómic accede a espazos (os grandes premios públicos, o dicionario) que ata agora lle estaban vedados; estes erros non podían cometerse cando o cómic non existía para eses eidos. Xa que logo, eu aconsellaría paciencia e sentido do humor tibetano. Citando a Mafalda, non están os tempos para malgastar rebeldía.

Eduardo Maroño

  1. culturbild reblogged this from praza-qadrinhos
  2. praza-qadrinhos posted this