Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

Qadriños

Bitácora dedicada á banda deseñada, a historieta, os cómic, os tebeos... de Galicia e resto do mundo
Sobre o blog  

Os cómics do Rinoceronte

Cara finais de 2010, Rinoceronte Editora anunciaba creación da chamada Colección Novela Gráfica, unha nova liña editorial centrada na tradución de obras da BD internacional. Aínda que a saída dos primeiros títulos estaba prevista para principios de 2011, non foi ata finais de ano que saíron do prelo Persépole de Marjane Satrapi e Entender o cómic de Scott McCloud. A estas obras seguirán Palestina e Gorazde, zona segura de Joe Sacco, Contrato con Deus de Will Eisner e Na procura de Ed o Riseiro de Kim Deitch, conformando un catálogo diverso mais no que podemos atopar tamén algúns elementos en común.

A diversidade resulta obvia dende distintos puntos de vista: case todos os autores son norteamericanos, pero a obra de Satrapi, iraniana de orixe, foi publicada inicialmente en Francia e leva o selo característico da editorial L’Association; a maioría das obras foron producidas entre os 90 e os primeiros anos do novo século, pero Contrato con Deus data de 1978; dende o punto de vista do xénero, hai entre elas ficción, autobiografía, ensaio e crónica xornalística. Para atoparmos o que estes traballos teñen en común podemos reparar en aspectos formais (trátase de obras autoconclusivas e en branco e negro), pero o esencial atinxe á súa recepción e estatus actual: todas elas gozan da consideración de obras de referencia nas súas modalidades e teñen sido elevadas á condición de clásicos contemporáneos. Ademais, son obras que transcenderon as estreitas marxes do medio e atoparon certa difusión en medios xeralistas, acadando un notable grao de coñecemento entre o público que non le BD habitualmente.

Mención aparte merece Na procura de Ed o Riseiro, obra moito menos coñecida, de vocación independente e que, ao contrario que as demais, non conta aínda con versión en castelán. Do seu autor, Kim Deitch, publicouse hai uns anos El bulevar de los sueños rotos, cuxa boa acollida crítica non mudou a condición minoritaria do seu creador. A inclusión deste título no catálogo parece apuntar a unha aposta persoal do responsable da colección, Breixo Harguindey, e vén a engadir unha nota de orixinalidade ao conxunto. 

Por todo o anterior, coido que debemos recoñecer o labor da editorial que dirixe Moisés Barcia, unha das máis dinámicas e rompentes do noso mercado, non só por lanzarse ao baleiro asumindo unha iniciativa da que existen poucos precedentes, senón tamén por ofrecer unha contribución modesta pero moi valiosa para a superación dunha das moitas eivas do noso sistema editorial no que á BD atinxe: a práctica inexistencia de versións galegas de obras de relevancia internacional. Non podemos deixar de mencionar o bo labor de Eva Carrión del Pozo e Rafa Salgueiro na tradución dos primeiros títulos. Dende aquí, desexámoslle toda a sorte ao proxecto.

Eduardo Maroño