A identificación simbólica do cometa
A simboloxía de pánico e temor do cometa Halley como inimigo que vén do Universo para liquidarnos cos seus gases velenosos e inflamables, sobrevoa nas viñetas da Galicia ochentera no cómic Os días do cometa –Demo Editorial, 2013-. O regurxitar de ancestrais profecías de destrución e desolación transfiren cambios radicais no comportamento e acción dos seus protagonistas.
Bruscos cambios sociais repelentes do sentimentalismo e a amizade, mestúranse nun intelixente caos onde o guionista Manolo López Poy superpón o ronsel do Halley para introducirnos nunha desventurada crónica negra galega e o debuxante Miguel Fernández Vázquez reflicte gráficamente os acontecementos espazo/temporais en forma de claroscuros, analizando hábilmente toda a complicada estrutura a un frenético ritmo secuencializado de progresión oscilatoria.
“Que doado é con 103!”

O forte carácter expresionista, recreando un mundo case tanxible con sensacións de plenitude do recordo, fortalece o relato sen saírse da marxe argumental. Transpórtanos ao designio dos escuros pasadizos do mundo do narcotráfico e a prostitución rural. A través da atracción retro en imaxes iconoclastas de automóbiles –Renault 4L, Citroën 2CV, Land Rover ou Renault 5 Copa Turbo-, as viñetas líquidas co Licor 103 e os bares coas máquinas comecartos de xenerosa panca accionadora con empuñadura en bóla negra plastificada.
O trazo de tinta manchada de Miguel Fernández, recrea nos días do cometa unha obstinación perversa na secuencialización narrativa de Poy, regalándonos saborosas secuencias destinadas a ilustrar recordos de forma subxectiva. A inserción en dúas viñetas do cartel promocional de Ethel e a Orquestra Malvarrosa ofrece a dimensión de moda hortera dos 80´. Na foto orixinal, nove membros da agrupación musical son retratados con senllos traxes prateados e lazos ao colo, cobren os seus corpos cunha camisa azulón que dana a vista, sostendo unha muller con vestido rosa pálido e botas altas brancas.
Escenas análogas de esencial singularidade é a da persecución por estrada, recreando cunha precisión cinematográfica ao dotar velocidade aos coches e angulación nas estáticas viñetas. Engadindo sarcásticamente a banda sonora determinada por Roberto Carlos e o seu “Millón de amigos”. Substituíndo o suxeito –lector- como espectador.
Posicións antagónicas da cobiza

No soto do Bar Manolo, improvisada sala de timbas e reunión, o forte olor a humidade e aos restos de cervexa que quedan nas botellas, mestúranse nunha opresiva atmósfera coa única lámpada que colga sobre as catro persoas sentadas xogando aos naipes. Dende o exterior, o parpadeante letreiro de Fanta e a soedade nocturna son alleos ao inicio dunha forte discusión que non é capaz nin de aplacar a vella fotografía dos catro na infancia que ensina un deles. Só un dos catro mantén a identidade oculta con pragmáticos cambios de ángulos, ou ben cuberto por espesas sombras que se iluminan tenuemente co paso do cometa Halley.
Este relato interior continúa en distintos flashbacks con retrocesos parciais e distribuídos en secuencias de recordó do pasado e a realidade do presente. Con fundidos, sobreimpresións e encadeados na transformación de obxectos. A estabilidade nos diagramas trasladan a personalidade e integridade de cada personaxe, espertando as conexións narrativas.
Sólidamente trazado, baixo o influxo de sombras goiescas, a significación do percibido é unha perfecta reproducción do movemento no fondo da actitude imaxinativa dos fotogramas en viñetas. Manchas negras impostas para o asesinato de dous motoristas da Garda Civil de Tráfico e o posterior refuxio no bosque dun malferido asasino. Decorado dramático para reconstituír a historia cos seus amigos da infancia con planos de evolución sobre como unha bala de chumbo se aloxou na súa cabeza. O desgarrador movemento de venganza para matar a muller do seu amigo, antes de que a Garda Civil lle dea captura e se derrube morto nunha macabra coreografía.
Na barra americana rural Disco Club La Palmera o progreso dos acontecementos vai sufrindo deformacións con miradas sedentas de sangue. Romper certas regras sagradas na mafia narcotraficoide, por moito que os membros fosen amigos dende a máis tenra infancia, supón un sacrificio obrigatorio. O engano e roubo dentro do círculo produce unha eliminación fortuíta. Sen concesións. Se a estas circunstancias lle engadimos ao caldo levarte a muller doutro amigo ao estranxeiro para vivir de rentas con diñeiro manchado de sangue e corrupción, a propia existencia convértese nunha montaña rusa onde o nebuloso azar pode dar un xiro radical.
Entre toda esta espiral de fatalidades e traizóns, de días de incerteza polo paso do cometa e a defensa do sector lácteo con tractoradas, o alcalde do pobo busca unha interconexión a todo o acontecido. Os fantasmas do pasado están máis preto do que pensa.
Alfredo Pardo

VERDE non é unha novela gráfica. Tampouco é nouvelle bande desinée, nin un tebeo de superheroes, nin moito menos un manga. VERDE é un artefacto, un obxecto, unha cousa; concretamente, unha caixa que leva dentro 16 minicómics (9,5 x 7,5 cm; 20 páxinas) elaborados por outros tantos autores. Para os autores VERDE é, supoñemos, un reto: contar unha historia en condicións materiais adversas. Para os posuidores da caixa, VERDE é un problema de almacenaxe. Onde gardalo? Para os promotores, VERDE é sen dúbida unha nova etapa nun sinistro proxecto de enxeñería social que tiña na anterior caixa vermella e en cómics coma Submundo de Kaz perigosos antecedentes.
Entre os autores participantes, tres galegos. Víctor Coyote Aparicio, que suxire un choque xeracional entre fantasmas hippies e mozos hipermodernos; Andrés Magán, que advirte do perigoso que pode resultar atopar o que un busca; e Jano, que cuestiona con rigor os tópicos sobre a prodixiosa capacidade de adaptación das cascudas en caso de holocausto nuclear.
Dous ilustres veteranos ofrecen traballos que case resultan contraditorios. Mauro Entrialgo, participa cun relato de rebeldía xuvenil, mentres Manel Fontdevila regala
consellos para levar unha madurez digna ou cando menos satisfactoria.
Neste contexto de rudeza viril, o caderniño de Ana Galvañ escintila coma unha alfaia. O seu trazo fino e acabado belido atacan o canon dominante de caixa para dentro, resultando dobremente subversivos. O seu relato defende con intelixencia a mentira autoindulxente e a fe nun mesmo máis aló de calquera indicio racional. Autora a seguir.
E todavía hai máis. Chema García demostra que aínda hai motivos para reivindicar a Vázquez; Javi Godoy e Álvarortega imaxinan alieníxenas e robots que conspiran contra a humanidade e coinciden no diagnóstico: a culpa é nosa; Pau Anglada argalla un vídeo-xogo para hobos…
Así ata 16 caderniños verdes cuxa semellanza en presentación e formato cos Cuentos de Calleja é pura casualidade. Ou non.
Eduardo Maroño

Fernando Sampedro na libraría Tanxencias. Foto: Eduardo Vicente
A banda deseñada está nun momento de cambio. A mudanza na percepción social do medio está a abrir unhas posibilidades de negocio que ata agora non existían. Nos últimos tempos, unha idea vén gañando terreo no mundo do cómic: para que as vendas medren cómpre abrirse a un público novo, un lector ocasional, menos coñecedor ou implicado no medio pero que eventualmente pode interesarse por títulos concretos. Trátase de facer do cómic un produto de consumo común e non só para iniciados. Para chegar a ese novo público non abonda con acadar unha maior visibilidade nos medios, é necesario ademais que a banda deseñada gañe presenza en puntos de venda que ata hai pouco lle estaban vedados: librarías xeneralistas, grandes superficies e especialmente “multinacionais líderes na distribución de produtos tecnolóxicos e culturais” que están na mente de todos.
A cuestión ten máis repercusións das que podería parecer. Cada cómic que se vende na FNAC, na Casa del Libro ou no recentemente creado espazo Mundo Cómic do Corte Inglés é un cómic que non se vende no que ata hai pouco era o principal e en ocasións único lugar de venda de moitos cómics, as librarías especializadas. Na súa lexítima procura dun espectro de lectores maior, as editoriais estarían a prexudicar a uns negocios que durante moito tempo foron o principal sostén da (exigua) industria do cómic para favorecer a outros que non amosaron interese pola BD ata que viron clara a oportunidade de facer cartos. De feito, non parece excesivo afirmar que algunhas das editoriais que máis teñen que gañar con este cambio no modelo de distribución non poderían ter sobrevivido ata hai ben pouco sen o circuíto de librarías especializadas.
Non se trata de argallar unha peli con bos e malos. Se as editoriais son empresas, só cabe esperar delas comportamentos encamiñados a maximizar o beneficio. A lóxica comercial non entende máis motivos que os económicos. Sen embargo, tampouco debemos pasar por alto as consecuencias que traen determinadas estratexias empresariais. O que está a dirimirse aquí non é unha confrontación entre libraría especializada e libraría xeneralista, senón entre pequeno comercio e grandes empresas. Como afeccionado á BD podo interpretar coma un avance que os cómics gocen da difusión que lle conceden as grandes superficies, pero unha cousa é iso e outra que sexa nese tipo de negocios onde eu decida facer as miñas compras. Hoxe máis que nunca debemos ser conscientes do significado dos nosos actos de consumo e das súas consecuencias no modelo económico. Mercar en pequenos comercios significa mirar aos ollos á persoa que quedará co teu diñeiro e que, con toda probabilidade, gastará non moi lonxe da súa tenda. O que sabemos das grandes empresas é que acumulan un volume de beneficios moito maior que non está claro onde vai parar. Dende logo non aos seus empregados.
Tanxencias Cómics, a primeira libraría especializada da Coruña e o lugar onde levo 17 anos mercando banda deseñada, pechará definitivamente as súas portas o próximo venres 27 de marzo. Non teño dúbida de que entre as causas do peche están tanto a socorrida crise económica coma a crecente comercialización de cómics en grandes superficies da cidade. Un triste final e outra mala nova para o comercio local. Para Fernando e Luis, toda a sorte do mundo.
Eduardo Maroño
Do bandoleirismo rural o xénero policíaco

Mamed Casanova, Toribio, foi o bandido galaico con máis sona de comezos do século XX. Fuxido nos montes do norte, foi capturado no 2010 por Demo Editorial no cómic O fillo da furia. A mirada de fascinación que exerce o derradeiro bandido romántico, retratado nas crónicas de Valle Inclán en 1904: “ Eu confeso que admiro estes bandoleiros que desdeñan a lei, que desdeñan o perigo e que desdeñan a morte. Teñen para mín unha estraña fascinación moral”, exercen unha visión onírica baixo os pinceis de Miguel Fernandez Vázquez e o guión da pluma de Manolo López Poy.

O dramatismo con claroscuros de forte calado secuencial na ambientación e localizacións, condicionan unha complicidade documental fragmentada en viñetas fotorealistas que engloba o seu entorno social. Constantes xiros cinematográficos de construcción narrativa articulada, con varias tramas abertas e con imaxes proxectadas do bandoleirismo na sociedade rural galega. Todo elo condicionou a unha segunda edición e a tradución ó castelán o ano seguinte baixo o título de El hijo de la ira –Diábolo Ediciones/Demo Editorial-.
Renovados polo ronsel deixado polo cometa Halley, os lucenses Manolo L. Poy e Miguel F. Vázquez presentarán o venres 22 de marzo en Komic Librería –Santiago de Compostela- Os días do cometa. Unha novela gráfica ambientada no rural galego dos anos 80, onde catro amigos da infancia, con roles ben diferentes, conflúen nunha espiral de corrupción e narcotráfico que os levará a un rotundo final. Abordando o paso do cometa Halley, escenografían gráficamente unha crónica negra de crime e delincuencia.

Demo Editorial manifesta que no cómic Os días do cometa “é a primeira vez que na banda deseñada galega se abordan temas como a prostitución, o narcotráfico e a corrupción no rural galego de hai case tres décadas”. Un traballo que ilustra a desesperación xeneracional dun estigmatizado fondo cheo de fango e intereses. Coa estética concentrada no xénero policial e baixo o código almacenado da Galicia negra.
Alfredo Pardo
FICHA TÉCNICA
OS DÍAS DO COMETA
Manolo López Poy e Miguel Fernández
100 páxinas, branco e negro
Medidas: 17 × 24 cm
Encadernación rústica con lapelas de 12 cm
PVP: 13,50 euros
ISBN: 978-84-940349-4-7
Despois da Segunda Guerra Mundial, xurdiron no mercado franco-belga dúas revistas que resultarían determinantes na evolución posterior da banda deseñada europea. Unha foi Tintin, en cuxas páxinas publicarían autores como Hergé, E.P. Jacobs, Bob de Moor ou Jacques Martin, representantes da chamada Escola de Bruxelas cuxo peculiar grafismo sería posteriormente bautizado como “liña clara”. A outra foi Spirou, na que os principios estéticos da chamada Escola de Marcinelle ou Escola de Charleroi, en boa medida contrapostos aos dos anteriores, serían desenvolvidos por artistas como Jijé, Franquin, Tillieux ou Morris. Tamén por Pierre Culliford “Peyo”, historietista belga que, malia ser coñecido case exclusivamente por ser o creador dos Pitufos (orixinalmente “Les Schtroumpfs”), desenvolveu unha longa carreira na que creou outros personaxes de éxito, coma os aventureiros medievais Johan e Pirlouit, o gato Poussy ou o pequeno fortachón Benoît Brisefer.
Peyo creou a Benoît Brisefer, Bieito Fendeferro en galego, por encargo do editor Charles Dupuis, que precisaba unha nova serie para o xornal Le Soir. O personaxe, un neno inocente e moi educado, dotado dunha forza formidable, debutaría finalmente nas páxinas de Le journal de Spirou en 1960. Dende a súa primeira aparición ata 1978, Peyo elaboraría sete álbums do personaxe, contando sempre coa colaboración doutros artistas, todos eles figuras relevantes da órbita de Spirou/Marcinelle, que contribuirían tanto no desenvolvemento gráfico (caso de Will, Walthéry ou Wasterlain) coma na escritura dos guións (Delporte, Gos). Despois da morte de Peyo en 1992, o personaxe viviría unha segunda etapa a cargo de diversos autores, principalmente Pascal Garray e Thierry Culliford, fillo de Peyo, ata completar un total de trece álbums ata a data.
Entre 1990 e 1991 a editora catalá Casals publicaría en galego tres álbums de Bieito Fendeferro, concretamente Os taxis vermellos, O tío Plácido e O circo Bodoni, primeiro, cuarto e quinto da serie respectivamente. Á ausencia dos álbums segundo e terceiro engádese o feito de non seguir os publicados a cronoloxía orixinal, o cal tampouco pode considerarse un grande obstáculo para a súa lectura dada a case inexistente continuidade entre historia e historia. As traducións correron a cargo de Miguel Vázquez Freire, encargándose Agustín Fernández Paz da revisión dos textos en O tío Plácido e O circo Bodoni. O seu magnífico labor é de salientar aínda hoxe, vinte anos máis tarde.
Coa lectura destes tres álbums de Bieito Fendeferro podemos formarnos unha idea tanto do ton da serie nos seus inicios coma do traballo de Peyo na década dos 60. A súa proposta ten como destinatario a un lector novo, ao que ofrece unha mestura de aventura e humor valéndose dun debuxo áxil e fortemente expresivo. Cómpre sinalar respecto do acabado gráfico, que Peyo debuxa só os personaxes en Os taxis vermellos, encargándose dos decorados e fondos Will. O tío Plácido e O circo Bodoni foron debuxados integramente por François Walthéry. O esforzo de todos eles por manter a unidade de estilo fai que o resultado final sexa perfectamente coherente, tanto nas páxinas dun mesmo álbum coma entre un álbum e os outros.
No tocante aos argumentos, Peyo aposta por un ton desenfadado cando non abertamente humorístico, provocando situacións cómicas mediante uns fortes contrastes: por unha banda, entre a aparencia fráxil do personaxe e a súa descomunal forza; por outra, entre a maldade dos adversarios e o inxenuo sentido da xustiza do cativo, que en non poucas ocasións reprende os seus adversarios mentres malla neles. Polo demais, o pequeno Bieito adoita toparse coa incredulidade ou a falta de atención dos adultos cando explica as súas fazañas, o que fai del un heroe incomprendido e confire un aire melancólico ás súas aventuras.
Malia a ocupar un segundo plano na obra de Peyo debido ao abafante éxito dos Pitufos e sen acadar a sona doutras figuras da BD europea, o personaxe de Bieito Fendeferro tivo ata agora unha longa traxectoria e goza dunha certa popularidade en Bélxica. A súa lectura actual pode ser proveitosa por moi diferentes motivos: polo seu valor intrínseco, por curiosidade cara traxectoria dos seus autores ou como mostra do tebeo franco-belga dos 60, entre outros. Quen a día de hoxe queira mercar os álbums traducidos ao galego terao practicamente imposible, non sendo na lotaría das librarías de vello. Porén, a quen simplemente queira lelos resultaralle relativamente doado atopalos nalgunha das moitas bibliotecas do País que as teñen no seu catálogo.
Eduardo Maroño
Podería dicirse que Kaz, de nome real Kazimiras Prapoulenis, é un home que leva una dobre vida. Polo día traballa nos guións dalgunhas series de animación para cativos máis populares do momento (caso de Phineas & Ferb ou Bob Esponja) e pola noite transfórmase no autor de Submundo, cabeceira de tiras de prensa de vocación underground na que un rabaño de criaturas estrañas vaga por un mundo sórdido e enfermizo. Sen embargo, a distancia que separa estes dous universos é máis aparente que real. A cidade suburbial na que transcorre Submundo non deixa de ser o reverso sórdido do colorismo amable de Disney e Cartoon Network e os seus habitantes unha versión desenfreada e politicamente incorrecta de personaxes infantís ben coñecidos coma Popeye, o rato Mickey, Casper ou Piolín.
O humor de Kaz, xa que logo, baséase na deformación malintencionada do imaxinario infantil mediante a súa recondución aos tópicos do cómic underground: violencia, sexo, drogas e excesos sórdidos de toda caste. Dende logo non é este o tipo de humor que un agarda atopar nas comic-strips que se publican na prensa norteamericana, polo común moito máis asépticas, e menos aínda nun medio coma The Arizona Republic, xornal conservador que acolleu as tiras de Submundo durante un longo período de tempo. Un breve percorrido polo apartado “Hate mail” da páxina web de Kaz demostra que o seu labor non pasou precisamente desapercibido. Nel atopamos moreas de cartas de lectores doentes de indignación, que esixen a retirada da tira de Kaz e ameazan con deixar de mercar o xornal ou darse de baixa coma subscritores. Por se alguén dubida de quen gañou a batalla, as tiras de Submundo deixaron de publicarse no Arizona Republic hai tempo.

Mais o humor de Kaz vai moito máis aló da simple transgresión. O peculiar sentido do absurdo a partires do cal se constrúen moitos dos mellores momentos de Submundo dálle un acento persoal ás súas tiras, ao tempo que abre unha nova ponte entre esta obra e os seus traballos máis convencionais. A arbitrariedade, o nonsense, a falta de relación entre o gag e o percorrido previo reitéranse ata se converter nunha persoal marca de estilo do autor que podemos atopar tanto nesta obra coma nos seus traballos de animación infantil.
A edición en castelán do Submundo de Kaz chéganos da man da recentemente aparecida editorial Autsaider Cómics, nunha compilación que recolle ata tres dos volumes do autor publicados de forma independente por Fantagraphic Books. A pouco disimulada devoción dos editores pola obra e o autor tradúcese nunha edición coidada ata o derradeiro detalle, que tenta respectar o material orixinal en todos os seus extremos, minuciosamente traducida e mesmo anotada para que o lector non perda nin un gag, nin un dobre sentido. Confírmase así unha estraña contradición. Un cómic de vocación punk e contido underground, cuxo vehículo natural sería o fanzine ou a autoedición artesanal, remata editada nun formato xenuinamente perdurable, destinado a embelecer os andeis dos lectores. Uns lectores que os propios editores invitan a se recoñeceren a si mesmos coma “raritos”.
Eduardo Maroño
Sumerxirse n
as historias gráficas de Erik Kriek e na psicoloxía dos seus personaxes é atopar negras tebras nun precipicio abisal. Unha viaxe de percepción oceánica, con viñetas líquidas de trazo claroscuro underground, detallista e con pinceladas do expresionismo alemán. A transición na contemplación dos recordos reprimidos, nun tempo convencional de imaxinación onírica.
Os planos vangardistas de Desde el más allá y otras historias. H.P. Lovecraft –Ediciones La Cúpula, 2012- son as peripecias dun sono de combinación efectiva entre o terror –real e irreal- no imaxinario da vida interior. A exploración as novas angustias existencialistas de placer estético sombrío e visións nocturnas. O siniestro das novelas folletinescas no camiño forzado do desconcertante.
El intruso
O inquientante deste relato é o nexo de unión entre a vida e a morte. A narración cautivadora en primeira persoa “No sé dónde he nacido. Sólo sé que el castillo era increíblemente antiguo, lleno de pasillos oscuros. Sombras y telarañas. Por doquier reinaba un hedor terrible…” confiere un valor expresivo de alteración dos sentimentos.
O golpe seco da realidade do protagonista que fuxe do castelo, pasando por distintos escearios de terror victoriano –torre negra, escaleiras na penumbra, pasadizos segredos, igrexa ruinosa, cemiterio, lúa chea-, nun imaxinario da vida interior que sae o exterior, converténdose por mérito propio nun INTRUSO.

El color que cayó del espacio
Na localidade campesiña de Arkham todo cambiou coa caída dun meteorito. O almacenamento dos acontecementos para logo debandar automáticamente a súa madeixa no fenómeno do recordo. Unha memoria acumulada que veu do espazo exterior. A ameaza colectiva nas terras e nos lugareños na sutil perversión no fenómeno da radioactividade.
En fragmentos de documental, o veciño Ambrose Pierce estructura os seus recordos a dous turistas perdidos cando hai 35 anos aquela pedra incandescente dominou imaxes de morte serializada e a manifestación deformada en macabras descomposicións. Un relato do visionario Poe e a ameaza nuclear.

Dagon
A febril historia dun mariñeiro que tras ser capturado no Océano Pacífico por un submarino alemán, consigue fuxir nunha pequeno bote. Tras días sen rumbo baixo o sol e un sono profundo, esperta nunha extensa planicie de fango negro con infinidade de peixes podrecéndose. Adentrándose na profundidade insondable dun montículo descubre un monolito artísticamente tallado. Os paraísos artificiais retórnanse na consagración subxectiva dunha monstruosa imaxe, sendo a súa última saída o suicidio.

Desde el más allá
A visita do protagonista o seu compañeiro de estudos Crawford Tillinghast tras anos sen verse despois da graduación de ambos, será o inicio dun transtorno na patoloxía onde as fronteiras exteriores –entre a confusión e o lado escuro- fragmentaráse en fábulas irracionais cunha persistente estructuración do medo.
No laboratorio do ático, Crawford construíu unha máquina diabólica que “¡Genera ondas que abrirán nuestros sentidos!” podendo saltar polo tempo, en espazo e por outras dimensión e ver o fondo da creación. Miles de sentidos espértanse o accionar o artiluxio. Sinais do innombrable crean un impresionismo á abstracción, no mesmo espazo de condensación do desorde mental. Concedendo unha traumática experiencia de negatividade da existencia.

La sombra sobre Innsmouth
O enfrentamento co pasado xeneracional. Unha viaxe iniciátiva a través de símbolos, sinais e conxeturas sobre o mito das profundidades, o gran Cthulhu. Universos paralelos de dinámica desequilibradora e mala conciencia colectiva. Reactivando o contrato de comunicación co personaxe nunha siniestra obsesión no eterno imperio da morte e sangue.
A conquista dos humanos por parte dunha perdida civilización, dentro dun microcosmos de espanto e obsesión. A exorcización dos medos interiores a través da simboloxía do sacrificio e a perversión escénica do seu destiño nun “reino lleno de portentos, en el que nunca vas morir”.

Alfredo Pardo
Axiña chegará ás librarías Ardalén, o novo traballo de Miguelanxo Prado. Entrementres, a editorial Norma ofrece un adianto de 42 páxinas. Pode lerse aquí.
O Museo de Pontevedra acollerá nos vindeiros 27, 28 e 29 de novembro un ciclo de charlas sobre cómic que levarán por título O cómic no Museo, primeiros encontros coa banda deseñada e no que participarán coma relatores Kiko Da Silva, David Rubín e Pepo Pérez. O evento, organizado por Octavio Beares, que fora colaborador deste blog no seu inicio, terá lugar ás 20:00 horas no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e a entrada será libre e gratuíta ata completar as 250 prazas que compoñen o aforo. Velaí o programa das xornadas:
27 de novembro – Kiko da Silva, A banda deseñada, a arte ignorada polo mundo da arte
28 de novembro – David Rubín, Viñetas sen medo; ou como adicarse ó cómic dende Galicia e non morrer no intento
29 de novembro – Pepo Pérez, Del tebeo a la novela gráfica: dos décadas de cómic en España (1990-2012)

Imaxe parcial do cartel das xornadas
Pouca presentación precisan Kiko Da Silva e David Rubín. O primeiro, autor cunha longa traxectoria na banda deseñada e na ilustración, promoveu revistas coma BD Banda, Retranca ou Fiz, é responsable da colección BD Banda da editorial Factoría K e dirixe O Garaxe Hermético, primeira escola profesional de cómic de Galicia. Rubín é outro dos nosos creadores de maior proxección, autor de títulos como El circo del desaliento, La tetería del oso malayo ou El héroe. Se cadra menos coñecido no país é Pepo Pérez, debuxante cunha sólida traxectoria tras de si da que poderiamos destacar a triloxía El vecino, que exerce ademais como crítico e teórico no seu blog Es muy de cómic e en diversos medios escritos como a revista Rockdelux. Cómpre destacar non só a relevancia dentro do medio da terna de relatores, senón tamén a súa experiencia como conferenciantes, toda unha garantía para o bo desenvolvemento das charlas.
Á hora de deseñar das xornadas, Octavio preferiu definir os temas sobre os que poderían tratar as charlas antes de pensar en posibles relatores: “Pensei que tres relatorios xerais, introdutorios, pero dados por verdadeiros nomes de peso, sería o óptimo como “inicio”. E poño as aspas porque o quid está aí. O meu desexo é que o evento non sexa illado, que efectivamente, como reza o seu nome, sexa un “primeiro”, polo que en sucesivas edicións xa tocaremos temas mais específicos.” Determinados os contidos, comezou a procura dos relatores axeitados e, a este respecto, Octavio destaca tanto as facilidades dadas polos tres autores elixidos coma a boa disposición dos representantes do Museo.

Da Silva, Rubín e Pérez
Tanto o perfil dos conferenciantes coma o contido das charlas permiten que o evento poida ser de interese para unha audiencia plural e diversa. “Pode resultar unha experiencia entretida para o curioso e o interesado, enriquecedora para o que coñece xa o mundo da banda deseñada e importante de cara a entender o Museo coma espazo plural, aberto e receptivo a toda disciplina artística mais alá das ortodoxas e propias do seu espazo –di Octavio-. É importante que por primeira vez esta institución, sen dúbida importantísima no eido das artes galegas, atenda á banda deseñada e o faga cunha disposición tan boa”. Verbo da repercusión que pode ter o evento, na súa opinión “Pontevedra é unha boa praza, ten facultade de Belas Artes e escola de Restauración, e unha academia de banda deseñada (O Garaxe Hermético), polo que entendo que haberá un certo interese por este ciclo. Pero… verémolo.”
Aínda que a canle está por determinar, as charlas serán retransmitidas sen directo vía streaming e serán posteriormente colgadas en YouTube, unha boa alternativa para permitir o acceso a todo o público interesado que non poida acudir ao Museo de Pontevedra nas datas sinaladas. Pode atoparse máis información sobre evento e posibles actualizacións no blog Serie de Viñetas, de Octavio Beares.
Eduardo Maroño
No exterior noite o ritmo dos
ventos non atopan unha lóxica coa natureza. A visión ordinaria dos fotogramas sobreimpresos en viñetas en branco e negro, contrastan cun silenzo e inmovilidade fragmentada. Na novela de relatos gráficos Bukowski –La Cúpula, 2012- existe un desequilibrio entre as crúas secuencias con rápidas superposicións e a continuidade tumultuosa dos acontecementos.
Matthias Schultheiss mistura en formado underground numerosos dramas análogos virtualmente debuxados. Os seus pinceis realizan un alquímico proceso de augafortes moi similares os de Castro Gil, cunha particularidade matafórica sobre a visión da violencia e complicados xogos ópticos dentro da viñeta. As páxinas drenan constantemente un líquido de progresión temporal. Un engrenaxe de ilusionismo cinematográfico, proxectándose unha estética estructural expandido en todos os seus planos. Viñeta dentro da viñeta.
En Los asesinos, a sincronía e identidade das accións recordan a aterradora A sangre fría de Truman Capote. A esperanza frustrada de dous resentidos sociais planeando un roubo a unha casa adiñeirada. Impactante e violento grafismo para un pesadelo reconstruído –tanto os asasinatos coma a violación- cunha narración sincronizada e planos de estética perversión. Da actitude dialogante o final da historieta obtemos o comportamento patolóxico dos dous patáns, Bill despois de degolar a unha muller afirma “Joder, que bien sienta esto” e o seu cómplice William dille xa na rúa que “Ahora me siento muy bien, como si no hubiera pasado nada”. Baixo as farolas da parada de autobús non encontraron sangue nas súas roupas. Lían dous cigarros, os encenden e Bill chuspe o seu “¡Mierda! ¡Hostia! ¡Mierda!”. Algo esqueceron na casa…

No barrio francés de Nueva Orleans os tugurios e as liortas imprégnase cos sumidoiros pestilentes. O empresario Sunderson ofrécelle o recén chegado Hank Un trabajo en Nueva Orleans, onde ten que poñer gasolina os taxis do seu xefe e contar o diñeiro. Na clandestinidade nocturna a negrita Elsie e as súas amigas empezan a frecuentar cos seus corpos e alcohol o despacho de Hank. Nesta panorámica axitadora e sen filtros, introdúcense no perigoso terreo do voyeurismo eróticofestivo. O microcosmos de socialización é roto por un taxista que enfádase por non atopar o seu refresco favorito. Hank espéralle un despido e a Sunderson a morte.

Una puta de 120 kilos contén tintes bibliográficos do Sr. Bukowski. “Era horriblemente gorda y tampoco es que estuviera muy limpia…”. As vicisitudes coa patrona da habitación e as catro patas rotas da cama inmortalizan a identidade das súas vivencias en antros cheos de seres sen alma, perdedores, prostitutas e alcohol. Ambientes marxinais, onde Schultheiss incorpora unha sensibilidade visual de raíces amatorias con repulsivas e sucias viñetas. Como elemento subversivo de condición estética estigmatizada o encuadre dos protagonistas fornicando ata a extenuación.

En Nueva York por 95 centavos, Kid Stardust e Dos borrachines supón a desorientación espacial dos personaxes na supervivencia en traballos merdentos. O visionado sen artificios do insoportable na funcionalidade laboral tanto en N.Y. coma no deserto. A asimilación do estupor na experiencia humana, alterando a capacidade dos traballadores e as súas reaccións. “El patio escolar americano había vuelto a ganarme.”

O luns pola mañá a Henry Beckett saíulle un salpullido de manchas verdes por todo o seu corpo. Despois de ir a ver o médico colle o rifle con moita munición e empeza a matar indiscriminadamente. A dimensión caleidoscópica dunha realidade imaxinaria ou a verídica vertente dun perturbado que deambula pola xungla urbana. O espectro do patriotismo americán onde os refrescos de Cola e as armas propoñen na mente de Henry unha dimensión de atmósfera enrarecida e psicópata. Impulsos rudimentarios e primitivos de culpabilización da sociedade en xeral. As portas da percepción réndense a climatoloxía da violencia gratuíta.

Mi madre culona é un anaco fragmentado da vida diaria do escritor. Narrado de forma claustrofóbica nun cuarto de unha desmantelada casa. A exposición sen tabús da vida comunitaria de dúas viperinas mulleres cun inconformista contador de historias. De tonalidade lírica cando menciona a súa nai os policías que queren entrar a ver o que pasa. Viñetas delirantes licuadas de alcohol, forte olor a tabaco, suor e sexo. Moito sexo.

Alfredo Pardo